Noia é unha localidade da provincia da Coruña (Galicia), que se atopa nunha privilexiada contorna natural marcada pola Ría de Muros e Noia e o paso de dous ríos, o Tambre e o Traba.

Limitando ao sur con Porto do Son e situada a pouco máis de trinta quilómetros de Santiago de Compostela e á mesma distancia doutras zonas turísticas como Ribeira ou Muros, a localización da nosa vila é perfecta para aloxarse e poder facer excursións con comodidade e rapidez grazas á vía rápida que nos conecta con moitos puntos de Galicia.

O clima atlántico e as condicións naturais do ecosistema da zona enchen de vida a nosa costa e as nosas zonas boscosas, facendo que bivalvos como o berberecho ou a ameixa teñan unha calidade excepcional valorada internacionalmente.

As mareas do Atlántico, que traen abundante auga aos nosos areais e portos ou a retiran completamente, marcan a nosa paisaxe e moitas das rutinas dos pescadores e mariscadores, deixando belas estampas moi representativas da nosa vila.

O peso da historia e as lendas que vinculan Noia coa Arca de Noé son outros dos acenos de identidade da nosa localidade, que dispón dun cuantioso catálogo de edificios e monumentos que nos deixan entrever diferentes épocas ao longo da zona vella.